Elemento químico metálico alcalino, de símbolo K, número atómico 19, peso atómico 39,09 e estado de oxidación +1. Atópase na natureza en forma de carnalita (KMgCl2 · 6 H2O), langbeinita (K2Mg2(SO4)3), polihalita (K2Ca2Mg(SO4)4 · 2 H2O) e silvina (KCl) en depósitos evaporíticos, e tamén como compoñente de silicatos (feldespatos potásicos (KAlSi3O4), micas e illitas), estes últimos son frecuentes no solo e deles, por meteorización, pasa a formas solubles e intercambiables como K+. É un macronutriente esencial para as plantas xa que intervén en múltiples procesos fisiolóxicos (fotosíntese, regulación dos estomas e absorción da auga, entre outros). Cando se achega como fertilizante pódese unir de forma irreversible ou pouco reversible (retrogradar) a grupos funcionais situados en posicións interlaminares dalgúns minerais de arxila (illitas e vermiculitas).