Magnitude que expresa a intensidade posible dos procesos de expansión-retracción (inchamento-contracción) dun solo cando cambia o contido de humidade. Está relacionado coa cantidade de arxilas expansibles (inchables) (p. ex. esmectitas) no solo. Determínase a partir do cambio de volume reversible dun terrón de solo entre dous contidos de humidade, por exemplo, húmido a capacidade de campo e unha vez seco en estufa. Mídese por medio do coeficiente de extensibilidade lineal (COLE) que, ao ser o cociente entre dúas lonxitudes, é adimensional. Os criterios de interpretación deste potencial segundo o valor do COLE son: < 0,03, baixo; de 0,03 a 0,06, moderado; de 0,06 a 0,09, alto; e > 0,09, moi alto.
En clasificación de solos, un horizonte vértico require un COLE > 0,06, segundo a WRB (2014). Os solos con valores altos ou moi altos supoñen un risco para as construcións e infraestruturas apoiadas neles se non se prevén técnicas construtivas especiais.