...

Magnitude que expresa o poder de oxidación e de redución dun solo e o estado redox de especies químicas presentes, o que afecta á súa mobilidade e inmobilización no solo. De acordo coa ecuación de Nernst, o potencial redox, Eh ou EH, calcúlase mediante a fórmula Eh = E° + (RT/nF)ln(Ox/Red), onde E° é o potencial redox estándar e RT/F é igual a 0,0592 a 25 ºC, co que Eh = E° + 0,0592 ln(Ox/Red) onde Ox e Red representan as actividades da especie oxidada e da reducida respectivamente. Mídese cun potenciómetro inserindo no solo un electrodo de referencia de calomelanos e un electrodo de platino. As lecturas danse en milivoltios (mV) ou en voltios (V). Os valores de Eh que indican condicións oxidantes ou redutoras para unha substancia dada varían segundo o tipo de substancia de que se trate e, xeralmente, co pH do medio. Valores superiores a 450 mV son propios de solos ben aireados, mentres que por debaixo de -200 mV o solo presenta condicións redutoras ou fortemente redutoras.