...

Compoñente do potencial total da auga do solo debido ao efecto dos ións disoltos na fase líquida. Debe terse en conta cando existe unha membrana semipermeable no sistema, tal como ocorre cando a raíz absorbe auga a través da epiderme ou cando se transporta auga desde o solo á fase gasosa a través da superficie do solo. Ten importancia en solos afectados por salinidade, nos que as plantas requirirán maior enerxía para absorber auga, pola diferenza de presión osmótica (π) entre a auga do solo e o interior da raíz. Exprésase como ψo.

Cando os ións se poden mover libremente coa auga (movemento por convección), o potencial osmótico é o mesmo en toda a fase líquida e non afecta ao seu movemento, xa que, ao non atravesar membranas semipermeables, o transporte de auga no solo terá lugar por diferenzas de potencial hidráulico, desde os puntos de maior aos de menor potencial (desde alí onde o solo estea máis húmido cara a onde non o estea tanto). O ψo é = 0 en solos non salinos e ψo < 0, en solos salinos. Na práctica, en lugar de traballar con presións osmóticas, que resultan difíciles de medir, recórrese a medidas da condutividade eléctrica da auga do solo, CEs, medida nun extracto de pasta saturada. A relación establecida é: ψo = – a × CEs, onde ψo exprésase en kPa; a condutividade eléctrica CEs, en dS m-1 a 25 °C, e a é unha constante que depende da clase de sales, cun valor de 36 no caso de que predominen os cloruros, NaCl e KCl; de 30, se predominan sales do tipo MX2, M2X, e de 28 para MgSO4. Adóitase traballar cun valor medio de a igual a 36.