O artigo segundo do Código Internacional de Conduta para a Distribución e Utilización de Praguicidas (FAO, 1990) define os praguicidas como «calquera substancia ou mestura de substancias destinadas a previr, destruír ou controlar calquera praga, incluíndo os vectores de enfermidades humanas ou dos animais, as especies non desexadas de plantas ou animais que causan prexuízo ou que interfiren de calquera outra forma na produción, elaboración, almacenamento, transporte ou comercialización de alimentos, produtos agrícolas, madeira e produtos de madeira ou alimentos para animais, ou que se poden administrar aos animais para combater insectos, arácnidos ou outras pragas en ou sobre os seus corpos». O termo inclúe as substancias destinadas a utilizarse como reguladoras do crecemento das plantas, defoliantes, desecantes, axentes para reducir a densidade de froita ou axentes para evitar a caída prematura da froita, e as substancias aplicadas aos cultivos antes ou despois da colleita para protexer o produto contra a deterioración durante o almacenamento e transporte.
Clasifícanse atendendo a diversos criterios: 1) modo de acción: (i) de contacto; (ii) sistémicos; (iii) residuais; (iv) non residuais; (v) de inhalación; (vi) dixestivos; (vii) de acción protectora; (viii) de acción repelente; (ix) de acción erradicante; e (x) esterilizantes; 2) mobilidade dentro da planta: sistémicos e de contacto; 3) fin perseguido: selectivos e non selectivos; 4) momento de aplicación: de pre-emerxencia e post-emerxencia; 5) proceso fisiolóxico: hormonais e non hormonais; 6) grupos químicos ou familias químicas: (i) inorgánicos; (ii) orgánicos; e (iii) biolóxicos; 7) propiedades físico-químicas: (i) explosivos; (ii) comburentes; (iii) extremadamente inflamables; (iv) facilmente inflamables; (v) inflamables.
Segundo o organismo sobre o que actúa clasifícanse en: 1) insecticidas, que eliminan insectos (ovicidas, larvicidas ou adulticidas); 2) herbicidas, que eliminan malas herbas; 3) funxicidas, para controlar as poboacións de fungos e oomicetos; 4) nematicidas, contra os nematodos; 5) molusquicidas, fronte a pragas de moluscos; 6) rodenticidas, contra roedores; 7) acaricidas, contra ácaros; 8) antimicrobianos, que comprenden os bactericidas para o control de bacterias, 9) viricidas para o control dos virus. Os máis empregados en agricultura convencional son os insecticidas, herbicidas e funxicidas.