...

Organismo unicelular eucariota, sen parede ríxida e con metabolismo heterótrofo. Historicamente consideráronse pertencentes ao Reino Protista, Subreino Protozoa. Así e todo, a clasificación actual da árbore da vida en sete reinos considera aos protozoos como un reino dentro do Dominio Eukaryota. Baixo esta denominación existen numerosos filos, de aí o seu carácter polifilético. Hai tres grupos abundantes no solo, que de acordo coa nomenclatura convencional, sen validez taxonómica actual, son: flaxelados, rizópodos (amebas núas e tecamebas) e ciliados.

Forman parte da microfauna do solo, con tamaños de 3 a 250 μm. A forma da célula pode ser esférica, ovalada ou alongada. Mobilízanse por flaxelos (flaxelados), pseudópodos (rizópodos) ou cilios (ciliados). Moitos forman colonias con poucas ou varias células. Algunhas especies poden desenvolver unha cuberta protectora que lles proporciona resistencia ante condicións adversas. A reprodución xeralmente é por escisiparidade ou división binaria (asexual) que se realiza por división do organismo.

A distribución é cosmopolita. A maioría dos protozoos son de vida libre, pero pode haber especies mutualistas, parasitas ou comensais. A súa alimentación é variada, hai protozoos predadores (de bacterias ou doutros protozoos), herbívoros e saprófitos.

No solo viven na auga intersticial e na auga pelicular na superficie dos agregados. A súa importancia reside en que, ao consumir as bacterias do solo, regulan as poboacións bacterianas, manténdoas na fase de crecemento activo. Os protozoos tamén excretan nitróxeno e fósforo, en forma de amonio e ortofosfato, como produtos do seu metabolismo, e algúns estudios demostraron que a presenza de protozoos no solo mellora o crecemento das plantas.