...

Valor do pH dunha disolución en equilibrio cun material de carga variable ou cunha mestura de materiais cuxo número de cargas positivas iguala ao de cargas negativas. Posto que a carga neta de superficie é cero, cando se somete á acción dun campo eléctrico non se despraza. Represéntase co símbolo pzc. Por enriba do punto isoeléctrico hai carga neta negativa, mentres que por debaixo hai carga neta positiva. Adóitase determinar en solos cun baixo contido en minerais de carga permanente, con predominio de caolinita e en solos ricos en óxidos, oxihidróxidos e hidróxidos de ferro e de aluminio tanto amorfos como cristalinos, tales como os endopedións óxicos ou con aluminosilicatos con grao de ordenación baixo, como acontece en horizontes con propiedades ándicas. O pzc representa o pH co que hai unha aglomeración de partículas máxima e unha solubilidade mineral potencial máis baixa. A gibbsita e outros coloides do solo presentan esta característica. No caso das proteínas, en medios ácidos, os grupos carboxílicos (—COOH) e os grupos amino (—NH2) atópanse protonados. Ao aumentar o pH, os grupos ácidos desprotónanse máis que os grupos amino, de maneira que se chega a un pH ao cal a carga neta é cero, que é o punto isoeléctrico. Na maior parte das proteínas acontece no intervalo de pH de 4,5 a 8,5. O pzc tamén se utiliza para caracterizar substancias húmicas.