Organismos que pertencen á Clase Chilopoda (cempés) incluída no subfilo dos miriápodos (Myriapoda) e no filo artrópodos (Arthropoda).
Presentan un corpo moi alongado, aplanado dorsoventralmente, dividido en: cabeza cun par de antenas, ollos laterais consistentes nunha agrupación ocelar, aínda que a maioría das especies que viven no solo son cegas, e tres pares de pezas bucais; e o tronco constituído por 15 a 193 segmentos, cada un cun par de patas articuladas. Os primeiros apéndices do tronco están modificados en forcípulas, grandes uñas que aloxan no seu interior unha glándula velenosa que usan para capturar ás súas presas. En zonas temperadas o seu tamaño é de 5 a 100 mm. Algunhas especies tropicais poden alcanzar 30 cm de lonxitude e 1 cm de ancho.
Son carnívoros, capturan pequenos insectos e outros invertebrados. A súa importancia no solo reside en que contribúen ao equilibrio demográfico das poboacións presa.
Clasifícanse en cinco ordes: Scutigeromorpha, Lithobiomorpha, Craterostigmomorpha, Scolopendromorpha e Geophilomorpha.
Na súa maioría viven en medios húmidos debaixo da follada en descomposición e das pedras; os xeófilos afondan dentro do horizonte A.
Algunhas especies (Lithobius variegatus) teñen a capacidade de bioacumular algúns metais pesados, como o zinc, cadmio e cobre, polo que son importantes na rehabilitación de solos contaminados.