Proceso que ten lugar trala infiltración de auga no solo, polo cal a auga se move dentro do solo. A situación inicial é a dun solo non saturado de auga, sen influencia dunha capa freática, por non existir ou estar suficientemente profunda. O movemento da auga dentro do solo aumenta sucesivamente o contido de humidade nos niveis máis profundos do solo, a expensas da auga das capas superiores. O movemento da auga ten lugar ata que o valor do potencial hidráulico é uniforme en toda a zona mollada. A medida que vai diminuíndo o gradiente de potencial hidráulico, diminúe o fluxo de redistribución, xa que, ademais, a condutividade hidráulica non saturada vai sendo menor. A redistribución terá lugar máis de présa nun solo areoso que nun solo arxiloso, no que se pode prolongar durante días ou semanas, isto é debido a que a condutividade hidráulica é maior nos primeiros para contidos altos de auga. Os procesos de redistribución (fluxos e duración) son os que determinan a capacidade de retención de auga a disposición das plantas nun solo, nun instante e a unha profundidade determinados.