Técnica de tratamento de contaminantes (degradación, extracción ou inmobilización) até un nivel aceptable e seguro. O obxectivo vai máis alá de simplemente eliminar a causa da contaminación, trátase de protexer ás persoas e ao medio ambiente contra posibles danos causados pola exposición aos contaminantes.
Antes de planificar unha remediación económica e eficaz, de acordo co RD 9/2005 do 14 de xaneiro (BOE núm. 15 do 18 de xaneiro), débese afondar na comprensión do comportamento do contaminante no medio e dos procesos. Isto require: 1) un informe preliminar de situación para cada un dos solos nos que se desenvolve unha actividade potencialmente contaminante; 2) unha caracterización mediante mostraxes e análise; 3) avaliación e diagnóstico dos impactos.
A planificación da remediación implicará a selección das técnicas e procesos correctivos máis adecuados e eficientes e a redacción do proxecto de remediación de acordo coas normativas ambientais de cada país.
Os métodos convencionais de remediación poden ser de base física, química ou biolóxica, podéndose utilizar de forma complementaria. As principais técnicas de remediación dispoñibles son: a atenuación natural e catro tipos de remediación biolóxica: 1) biorremediación microbiana (bioestimulación e bioacumulación); 2) fitorremediación (dendrorremediación, fitodegradación, fitoextracción, ficorremediación, fitoestabilización, fitovolatilización, rizodegradación; 3) micorremediación; 4) biorremediación animal.