Propiedade dun corpo (o solo ou outro material) de non absorber a auga ou que non ten afinidade pola auga cando está seco ou cun contido baixo de humidade.
No caso de coloides, a fase dispersa non interactúa co medio de dispersión (auga) e o coloide hidrófobo pode ser floculado. No caso de superficies sólidas hidrofóbicas, o ángulo de contacto entre a auga e as superficies é obtuso e é unha expresión do grao de repelencia ou hidrofobia.
Provoca: 1) unha resistencia ou un retardo na penetración da auga no solo, unha diminución da infiltración e pode dar lugar a vías de fluxo preferente para a auga no solo cando hai materiais hidrofóbicos inmediatos a outros que non o sexan.
2) un aumento do escoamento superficial e con isto o risco de erosión en solos en pendente, así como unha diminución da dispoñibilidade de auga para as plantas. Tense observado en solos de moitas partes do mundo baixo condicións climáticas diversas e en solos regados con augas residuais ou tratados con emendas orgánicas non estabilizadas.
A hidrofobia pode ser natural, pola presenza no solo de compostos orgánicos hidrofóbicos, con formación de revestimentos orgánicos (substancias húmicas e lípidos) sobre os grans de area, o que produce un secado irreversible da materia orgánica; ou adquirida, por ter engadido ao solo fertilizantes orgánicos, praguicidas ou outros produtos ou por verse potenciada a hidrofobia en solos de bosque polos efectos dos incendios, xa que, durante os mesmos, algunhas resinas hidrófobas procedentes da vexetación poden licuar e escorrer polos troncos alcanzando a zona radicular e depositarse no solo, solidificándose durante a fase de arrefriamento.
Cando a dispoñibilidade hídrica das plantas depende basicamente da materia orgánica do solo, a xeración de hidrofobia compromete o desenvolvemento vexetal. Pode ser unha das causas do deterioro das praderías de pasto ou dos greens dos campos de golf cando se regan con augas residuais.
A avaliación deste parámetro hidrofísico é tamén importante na formulación de substratos orgánicos de cultivo para evitar a perda de recursos (auga e fertilizantes durante a rega) e a contaminación fora do sitio debida ao arrastre de fertilizantes, insecticidas e herbicidas fora das áreas de cultivo. Os métodos para caracterizar a repelencia á auga do solo ou hidrofobia consisten en medidas directas e indirectas do avance inicial do ángulo de contacto sólido-líquido, θ, na interfase sólido-líquido-vapor. Porén debido á rugosidade da superficie e á distribución de poros no solo, na práctica, a medida directa θ resulta ser o ángulo de contacto aparente, igual ao θ real máis o ángulo de diverxencia dos poros. Dado que non é posible medir de forma directa o ángulo de contacto na maioría dos casos, o grao de repelencia ou hidrofobicidade cuantifícase por medio de diversos métodos indirectos, tales como o ensaio WDPT (Water Drop Penetration Time), o ensaio AP (Alcol Percentage) ou o ensaio MED (Molarity of Ethanol Droplet).