Proceso metabólico a nivel celular que consiste na oxidación de moléculas orgánicas (p.ex., glucosa) para obter enerxía utilizando o osíxeno (O2) como aceptor de electróns, coa liberación maioritaria de dióxido de carbono (CO2) como produto final. A nivel dos organismos vivos, maniféstase nun intercambio de gases polas células que absorben O2 e desprenden CO2. A nivel de ecosistema, a respiración aerobia mídese como o consumo de O2 ou a emisión de CO2 por unidade de superficie e tempo. É o proceso de respiración maioritario no solo. A presenza de O2 no solo condiciona a respiración das raíces e dos microorganismos. A difusión do O2 ata as raíces está asegurada en solos ben aireados, cunha boa drenaxe ou nos que hai unha capa freática circulante que se renova a suficiente velocidade.