Proceso caracterizado por unha diminución do volume total do solo de maneira que, partindo dun contido de humidade alto, a diminución de volume do solo é proporcional ao volume de auga extraído e o solo permanece saturado de auga. Na curva característica de retracción, a pendente da liña normal é un indicador importante da clase de retracción. Cun ángulo de 45°, a retracción é normal; cun ángulo menor de 45°, a retracción é menos que normal; e cun ángulo maior de 45°, a retracción é unha característica importante do solo e estará influenciada polo manexo.
O volume específico dunha mostra de solo saturada diminúe a medida que vai perdendo auga, facéndoo de forma lineal ata alcanzar o valor de humidade gravimétrica, denominado límite de entrada de aire no solo. A continuación, a perda de volume deixa de ser lineal coa humidade gravimétrica, ata alcanzar o denominado límite de retracción ou límite de contracción normal, manténdose constante desde ese punto. En solos areentos, os límites de entrada de aire no solo e o de contracción, coinciden. Ao aumentar a complexidade da organización estrutural do solo (cantidade e tipoloxía de limos e arxilas, materia orgánica), ambos límites vanse distanciando e a diminución do volume específico coa diminución da humidade gravimétrica deixa de ser lineal.