Conxunto de substancias orgánicas liberadas ao solo pola actividade das raíces vivas. As súas características dependen da especie vexetal, da súa idade e das condicións ambientais.
Está constituído por: 1) exsudados solubles en auga (azucres, aminoácidos, ácidos orgánicos); 2) secrecións insolubles (mucilaxes insolubles); 3) lisados: células desprendidas principalmente da cofia, que non se dividen e poden segregar encimas e proteínas e finalmente son lisados por bacterias; lisados radiculares resultantes da destrución (autólise) dos tecidos e células rizodérmicas e corticais da raíz); 4) raíces finas mortas e 5) gases, como o dióxido de carbono e o etileno.
Constitúe unha parte importante da materia fotosintetizada total, que supón un fluxo considerable de carbono e enerxía do que se benefician os organismos heterótrofos, o que fai aumentar a densidade de poboación de organismos edáficos na rizosfera.
Entre as súas accións cabe destacar: 1) mobilizan directa e indirectamente nutrientes; 2) constitúen unha matriz de protección e lubricación que facilita a colonización das raíces na rizosfera; 3) modifican a estruturación e actividade biolóxica do solo; 4) algúns constitúen a base de fitohormonas e outros, como as vitaminas, son factores de crecemento.