...

Capa superficial do solo en estado húmido, duns poucos milímetros de espesor, caracterizada por unha porosidade baixa, xeralmente non comunicante e de tipo vesicular, compacidade elevada, densidade aparente elevada, velocidade de infiltración baixa e condutividade hidráulica baixa, moito menores que as do material subxacente. A súa orixe asóciase ao impacto das gotas de choiva (natural ou dun aspersor) sobre a superficie dun solo nu con agregados inestables. O impacto das gotas de choiva produce a individualización de partículas (non a dispersión) e a súa reorganización, que pode deberse ao colapso dos agregados por expansión (inchamento) dos minerais da arxila cando se humectan, por compactación mecánica, por dispersión dos minerais de arxila (se hai sodio intercambiable) ou outras causas.
A formación dun selo pode ter diversos efectos prexudiciais: diminución da infiltración; aumento do escoamento superficial en terreos en pendente; con aumento do risco de erosión, diminución da almacenaxe de auga no solo; dificultade na emerxencia das plántulas, o que pode obrigar a ter que sementar de novo. Ao secar, o selo convértese nunha cotra superficial.