...

Solo cunha cantidade importante de compoñentes que xeran carga debido á disociación de grupos funcionais que varía co pH. A carga pode ser positiva ou negativa e vese afectada polo pH e a forza iónica da fase líquida do solo. Ao depender das reaccións que se establecen coa fase líquida non se trata dunha propiedade intrínseca. Os sólidos inorgánicos do solo, cuxa carga variable contribúe decisivamente á carga neta total, son os minerais da arxila de tipo 1:1 (principalmente, a caolinita), os óxidos, oxihidróxidos e hidróxidos de ferro e aluminio, e os aluminosilicatos de baixo grao de orde (alófana e imogolita). Todos eles se caracterizan por presentar, en presenza de auga, grupos hidroxilo superficiais que se poden disociar. As substancias húmicas contribúen tamén de xeito significativo á carga variable do solo e aportan sobre todo cargas negativas debidas á disociación dos grupos carboxilo, hidroxilo, fenol ou alcohol, e tamén polos grupos amina (NH2), que poden dar lugar, ao protonarse, a cargas positivas. Entre os solos que presentan esta propiedade cabe citar os AndosolesWRB, os FerralsolesWRB, os AndisolesST e os OxisolesST.