Sedimentos e solos localizados en zonas litorais de clima cálido, chans, protexidas da ondada e afectadas polas mareas. Permanecen inundados a maior parte do ano e presentan condicións redutoras (anoxia), son lamosos e están ocupados por unha formación arbórea sempre verde, cerrada e adaptada a estas condicións, por exemplo, o mangleiro, Rhizophora mangle L.).
Os ciclos bioxeoquímicos dalgúns elementos especialmente os do carbono, nitróxeno e xofre vense afectados polas condicións redox, cunha repercusión ambiental relevante.
No caso do xofre, a diferenza do que sucede na maior parte dos solos do mundo, nos que o ión dominante é o sulfato (SO42-), en sistemas de mangleiral predomina o estado reducido (S2-), sendo os sulfuros ou os bisulfuros de ferro (como a pirita, FeS2) os minerais predominantes. En condicións redutoras, a pirita e outros sulfuros metálicos manteñen a súa estabilidade, pero unha modificación natural ou provocada do estado redox pode causar unha rápida oxidación dos sulfuros, coa conseguinte liberación de sulfatos e protóns, é dicir, unha rápida acidificación do medio, que pode alcanzar unhas condicións dificilmente reversibles (solos ácidos con sulfatos).