...

Carta de cores cun determinado número de follas acartonadas, cada unha delas con cores organizadas de acordo co código de cores desenvolvido por Albert H. Munsell (Código Munsell), adoptado pola International Society of Soil Science para describir por comparación e de forma normalizada as cores dos horizontes e os compoñentes dos solos. Se imaxinamos un cilindro de cor, cada un dos semiplanos xeradores do cilindro corresponde a unha páxina da carta. Cada páxina inclúe as cores correspondentes a un mesmo matiz (lonxitude de onda da radiación reflectida). En cada páxina, as cores preséntanse en plaquetas de distinta cor, nun eixe de coordenadas ortogonais, cuxo eixe de ordenadas corresponde á gradación de brillos crecentes (de 0 a 10) e o eixe de abscisas corresponde á gradación de cromas crecentes (0 a 10). A cor codifícase indicando o matiz (p. ex. 5YR), o brillo (p. ex. 4) e o croma (p. ex. 6): 5YR 4/6. Existen dúas compañías que fornecen este tipo de táboas, unha estadounidense e outra xaponesa.