...

Variante de tensiómetro deseñada por Peck e Rabbidge (1969) que estende o intervalo de determinación do potencial da auga do solo desde valores de potencial matricial dos tensiómetros convencionais a valores moi baixos de presión, mesmo inferiores a -1500 kPa. Consta dunha cámara hermética, nun de cuxos extremos se sitúa unha placa porosa que actúa de membrana semipermeable, así como dun sensor de presión. Unha disolución acuosa desgasificada de macromoléculas (soluto), tales como polietilenglicol (PEG), cuxo peso molecular é moi elevado (20.000 Da) ou ben grans de xel polimérico, introdúcese dentro da cámara confinada, que estará en contacto coa auga do solo por medio da cara exterior da placa porosa, altamente impermeable ao soluto confinado. Os cambios de presión na cámara debidos á entrada ou saída de auga a través da placa porosa mídense por medio dun sensor de presión. O instrumento require un calibrado con respecto á salinidade, para compensar os efectos osmóticos debido á salinidade da auga no poro. A súa vantaxe fronte ao tensiómetro convencional reside en que permite traballar nun intervalo de potenciais de 0 a -1.500 kPa sen que se produza cavitación, que é evitada tanto polo xel como polo baixo potencial de burbulla da placa. As medidas vense influenciadas pola temperatura e pola salinidade do solo, o que pode dificultar o seu uso no campo.