...

Instrumento para medir o potencial de presión negativo da auga (potencial matricial, presión de succión ou tensión) ao cal se encontra retida a auga dentro dos poros capilares do solo, en solos non saturados ou por enriba do nivel da capa freática. O seu valor está relacionado co contido volumétrico de auga no solo.

Consiste nun tubo cilíndrico nun de cuxos extremos hai unha cápsula de cerámica porosa que cando está húmida deixa pasar auga pero non aire, e no outro extremo un medidor de presión (un vacuómetro, manómetro de auga ou de mercurio ou un transdutor de presión electrónico). A instalación no campo faise de xeito que a cápsula faga un bo contacto hidráulico co solo que a rodea, á profundidade á que se queren realizar as medidas. O tubo énchese de auga desgasificada ata un volume coñecido e péchase hermeticamente. A porosidade da cápsula permite o fluxo de auga nos dous sentidos, de maneira que cando o contido de auga no solo diminúe, a auga flúe desde o tensiómetro cara á matriz do solo, creando un baleiro que se pode medir co medidor de presión. Inversamente, cando o contido de humidade no solo aumenta, a auga flúe desde este cara á cápsula porosa, diminuíndo a tensión de baleiro. A partir do momento en que se establece o equilibrio entre os potenciais dentro e fóra da cápsula, deixará de saír ou entrar auga e pódese realizar a lectura no manómetro. O intervalo óptimo de medida está entre -30 e -80 kPa, o que resulta adecuado para a programación de regas. A súa precisión é menor en solos areentos e nos pedregosos, polo mal contacto entre a cápsula porosa e o solo.