...

Teoría segundo a cal a síntese de substancias húmicas se produce a partir de polifenois, que son transformados encimaticamente, mediante polifenol oxidases, en quinonas, as cales se polimerizan en presenza ou ausencia de compostos amino para formar macromoléculas de tipo húmico.

Existen dous mecanismos para a formación destes polifenois: 1) a partir da lignina, que mediante o ataque microbiano sofre unha escisión oxidativa coa formación de unidades estruturais primarias (derivados do fenilpropano) e a desmetilación posterior produce polifenois (vía de Flaig); 2) a partir de fontes de carbono distintas da lignina (p. ex. celulosa), que son empregadas polos microorganismos (fungos e bacterias) para sintetizar polifenois, e que logo serán oxidados encimaticamente a quinonas e finalmente converteranse en substancias húmicas (vía de Kononova).

De acordo con esta teoría, as quinonas derivadas da conversión encimática, xunto coas sintetizadas por microorganismos, son os principais bloques que conforman as substancias húmicas.

As quinonas que proceden da lignina (e doutras fontes) reaccionan con compostos que conteñen nitróxeno para formar polímeros de cor escura.