Organismos hexápodos incluídos na orde Isoptera, e que forman parte da macrofauna (2 – 20 mm de lonxitude). O corpo divídese en tres rexións: cabeza, coas pezas bucais, ollos compostos e antenas; tórax, dividido en pro-, meso- e metatórax, onde se insiren as patas; e abdome. Posúen unha coloración variada, desde pálida a pardo escura ou negra.
Son insectos sociais que viven en niños que constrúen no solo ou na madeira e con diversas morfoloxías, denominados termiteiros. As colonias están formadas por diferentes tipos de individuos (castas), que se diferencian pola súa morfoloxía, función que desempeñan e capacidade reprodutora. Soamente o rei e a raíña son capaces de reproducirse, mentres que as outras castas son estériles (obreiros e soldados).
Aliméntanse de material vexetal morto en diferentes etapas de descomposición; por exemplo, madeira morta, herba seca, follada e terra. Algunhas establecen unha relación mutualista co fungo do xénero Termitomyces, o que lles permite degradar a celulosa. Outras especies aliméntanse de humus e materia orgánica humificada ou de fungos.
Son considerados enxeñeiros dos ecosistemas, xa que modifican a estrutura do solo, tanto no interior como fóra dos seus niños.