...

Unidade estruturai ou agregado do solo definido atendendo á súa forma xeométrica e características físicas. A escala macroscópica para descricións de campo establecéronse os tipos seguintes:

1) estruturas apediais, sen agregados debido a: (1.1) unha falta de cohesión entre as partículas individuais (estrutura granular simple), (1.2) ausencia de fisuras e con cohesión das partículas entre elas (estrutura maciza ou continua), (1.3) cementada (estrutura maciza endurecida);

2) estruturas pediais, con agregados naturais individualizados, que poden: (2.1) ter sido construídos por actividade biolóxica e que conteñen moita materia orgánica e presentan formas redondeadas de pequeno tamaño (estrutura granular composta, granular esferoidal e migallenta); (2.2) ser debidas a fenómenos abióticos, tales como os de inchamento e contracción (expansión e retracción), para o que se require unha cantidade suficiente de arxila expansible e que estivese sometida a ciclos de humectación e desecamento (estrutura prismática, columnar, en bloques -angulares ou subangulares- e laminar). Existen ademais estruturas máis específicas de medios ou constituíntes concretos: con predominio de arxilas inchables (expansibles) (estruturas vérticas ou esfenoédricas); formadas por precipitación de oxihidróxidos de aluminio (estruturas microgranulares ou fluffy); con predominio de material orgánico máis o menos descomposto (estrutura fibrosa); formada por dexeccións milimétricas da mesofauna (estrutura copróxena).