Conxunto de procesos que afectan á materia orgánica unha vez que chega ao solo e que son o resultado de reaccións químicas, fotoquímicas e da actividade biolóxica da fauna e dos microorganismos do solo.
As moléculas simples transfórmanse facilmente, mentres que no caso das poliméricas dependerá da natureza dos enlaces moleculares e das capacidades encimáticas dos organismos edáficos. O ritmo de transformación dependerá: 1) da composición inicial da materia orgánica; 2) das condicións abióticas do medio: valor do pH, saturación de catións básicos, contido de nitróxeno, aireación, humidade e potencial redox, entre outros factores.
Implica diversos procesos fundamentais: 1) fragmentación física da materia orgánica fresca, na que desempeñan un papel clave a macrofauna (coleópteros e isópodos) como trituradores, o que aumenta a superficie de colonización e ataque por parte dos microorganismos e microfauna (bacterias, fungos, algas, protozoos, nematodos); 2) descomposición , que comporta: 2.1) fotooxidación, transformación fotoquímica por acción da luz, proceso que incrementa moito a solubilidade da MOS debido ao incremento na oxidación dos fenois derivados da lignina e a degradación fotoquímica das macromoléculas da MOS; 2.2) ataque biolóxico que se produce como resultado de procesos catabólicos microbianos (aerobios e anaerobios) e procesos dixestivos dos detritívoros, que causan a transformación química da MOS.
Nunha primeira fase, a descomposición supón a degradación da materia orgánica a compostos orgánicos sinxelos, e unha mineralización rápida a compostos minerais que poden ser absorbidos polas plantas ou ser consumidos por outros organismos ou ser lixiviados (se son solubles) ou emitirse en forma gasosa; nunha segunda fase, prodúcese a humificación a compostos orgánicos estables a longo prazo e unha mineralización lenta.
Estes procesos non actúan secuencialmente e as taxas de descomposición, mineralización e humificación varían en meses, anos, décadas, séculos ou milenios, dependendo dos factores de formación do solo, o que explica a coexistencia de produtos orgánicos en distintos graos de descomposición e que a MOS constitúa un material heteroxéneo moi complexo desde un punto de vista morfolóxico e bioquímico.