Triángulo que consiste en tres frechas xirando sobre si mesmas en sentido horario e que foi deseñado polo matemático alemán Augustus Ferdinand Möbius (1790-1868).
Utilízase en distintos ámbitos para reflectir os conceptos de sustentabilidade e reciclaxe. Cada un dos vértices do triángulo expresa unha das dimensións ou compoñentes incluídos nestes conceptos: dimensión económica, que implica a produción cunha rendibilidade razoable e estable a través do tempo, nun retorno económico que faga atractivo continuar co tipo de actividade e de xestión formulado; dimensión social, que implica que a forma de manexo debe permitir cubrir as necesidades e ser un modelo socialmente aceptado; e dimensión ecolóxica, que fai referencia ás características fundamentais para a supervivencia que deben permitir manter os ecosistemas de forma sostible.
Non parece posible optimizar simultaneamente cada un dos tres compoñentes, aínda que o desexable é que co tempo os tres obxectivos tendan aos óptimos ideais para cada un deles.
O triángulo utilízase como símbolo de reciclaxe nunha economía circular, as tres R, de modo que cada lado do triángulo representa un paso no proceso de reciclaxe: Recollida dos desfeitos – Reciclaxe – Reutilización.