Densidade de fluxo de auga a través da superficie do solo nun instante determinado, cando se mantén en contacto coa auga a presión atmosférica. Idealmente, cando a cantidade de auga dispoñible non está limitada, decrece de forma monótona; de forma rápida nos primeiros momentos partindo dun solo seco; e aproxímase asintoticamente a un valor constante co tempo (velocidade de infiltración básica, numericamente case igual á condutividade hidráulica saturada), dado que a gravidade chega a ser a principal forza impulsora ao ir diminuíndo o gradiente de carga de presión entre a fronte de humectación e a superficie do solo ao longo do tempo.
Nos momentos iniciais exprésase como: i(t) = dI/dt = 0,5 St-1/2 sendo S a sortividade. Se a velocidade da achega de auga á superficie do solo (intensidade da choiva) é menor que a velocidade de infiltración, a auga infíltrase tan rapidamente como é achegada e, en consecuencia, a velocidade da achega determina a velocidade de infiltración (proceso controlado polo fluxo). Se, polo contrario, a velocidade da achega supera a velocidade de infiltración, esta determinará a velocidade real de infiltración (infiltración máxima, o infiltrabilidade, proceso controlado polas características do solo). Neste último caso o exceso de auga non infiltrada encharcarase en terreos chairos ou dará lugar ao escoamento superficial de tipo hortoniano en solos en pendente.