Propiedade que caracteriza a resistencia dun fluído ao cizallamento (deformacións tanxenciais) e que depende da temperatura. Represéntase por η e defínese como a relación entre o esforzo cortante, τ (forza tanxencial dividida pola superficie), e o gradiente de velocidade, dv/dz. De maneira que: η = τ/(dv/dz). Expresa a forza tanxencial que hai que aplicar entre dúas capas de fluído de área unidade para manter un gradiente de velocidade de 1 m s-1 por metro, perpendicularmente ao plano de esvaramento. Nas disolucións acuosas aumenta coa concentración. É inversamente proporcional á condutividade hidráulica saturada, así como ao número de Reynolds. A ecuación de dimensións é [ML-1T– 1]. No SI mídese en Pa·s, se ben unha unidade utilizada anteriormente era o Poise, cuxo uso está moi estendido: 1 mPa·s = 1 cP.